May 14, 2011

A FRONDA DOS CERVOS, o novo disco de DOA.



Velaí a resurrección da música e da lírica medieval galega, a lingua galega que era cantada en situación de normalidade é traída á tona por un histórico grupo da nosa música, DOA. O grupo anda estes días a presentar, nas principais cidades galegas, o seu novo disco: A fronda dos cervos, un magnífico traballo que ha de interesar e gostar, sen dúbida, a todas e todos aqueles e aquelas que gostan da boa música. DOA transpórtanos á Idade Media galega e, a través da magnífica voz da soprano Susana de Lourenzo, gozamos das letras das cantigas de Pero Meogo, ouvimos o mar de Vigo de Martín Códax, o canto de Meendinho á Illa de San Simón, o escarnio de Airas Nunes... e todo cuns arranxos musicais magníficos- interpretación libre das Cantigas de Alfonso X- frescos e contemporáneos. O libreto contén, para alén, un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado polo profesor Federico Pérez e unha fermosa introdución da poeta Eva Veiga.