Ninguén pode ocultar que o BNG foi no seu día, en maior ou menor medida, unha creación da UPG. Por moito que se diga e se tente louvar a asemblea de Riazor coma un exemplo de pluralidade ou como unha confluencia plural de partidos, correntes e sensibilidades, antecesora de modernas fórmulas de democracia participativa, foi a UPG a que hexemonizou aquela organización primixenia, e os demais non puideron deixar de sersimples grupúsculos pouco representativos. O resto do nacionalismo...fóra, principalmente aquela EG ou PSG-EG do Camilo.
O que acontece é que para lle dar credibilidade á estratexia, a UPG apostou estratexicamente por colocar á frente como cabeza visíbel a unha persoa que nunca militara na U, un “cristo procesional” que viñese da outra liña histórica do nacionalismo, do PSG, o Beiras.
O discurso, a táctica, as formas desenvolvidas polo Beiras funcionaban, a súa imaxe e formas eran determinantes e o bloque medraba. Primeiro deu conseguido que o BNG chegase a hexemonizar o nacionalismo (desprazando ao PSG-EG) e á vez ia facéndose máis plural, tornándose na súa composición social en algo máis ca unha procesión de seguidores da UPG e integraba novas xentes atraídas pola imaxe dun novo nacionalismo máis aberto e plural.
Con todo, ese medre continuou a ser aproveitado pola UPG , que deixaba facer e desfacer ao Beiras cara a fóra mais continuaba a reservar para si o reforzamento e control do aparello interno do BNG, asentando asemade unha burocracia da súa corda. Porén, o corpo orgánico e político mantíñase san, pois a hexemonia orgánica e burocrática da UPG era equilibrada polo poder, capacidade de manobra e liberdade cos que exercía o Beiras de cara á sociedade e aos medios, sempre apoiado nuns resultados electorais espectaculares que reforzaban o seu liderado, incuestionábel naquela altura. Existía pois, nos anos noventa, un equilibrio de “poderes” Beiras-UPG.
Mais aquel equilibrio rachou de vez cando a UPG se atreve a tentar desprazar ao Beiras do liderado orgánico a partir do 2001 aproveitando que o vento electoral sopraba xa menos forte.
Estaría o Quintana a piques de restaurar un certo equilibrio a base de acumulación de poder institucional conseguido coa chegada á xunta, mais as súas erráticas ou mesmo suicidas estratexias e tácticas política conduciron o barco ás pedras coa conseguinte e se cadra merecida decapitación política. O equilibrio estaba máis roto aínda, e iso a pesar de que o BNG era agora, canto á militancia máis plural e diverso ca nunca.
Para alén, na XII asemblea nacional, a UPG non tería inconveniente en chegar até o final co seu propio candidato, co seu home de palla temporario. Agora xa non había dúbidas, todo era deles, a organización e o liderado externo, o contol interno e a proxección mediática. Unha metade, “a maioría cualificada” dirixida pola U impúñase pola mínima ao resto...
Nunca estaría tan clara a contradición entre un “modelo formal” que destaca a pluralidade aparente dunha frente que se compón de partidos, colectivos diversos e independentes en pé de igualdade e o “modelo informal” realmente existente no que un partido, o “partido guía”, o que se apoia no monopolio da burocracia interna dentro do binomio BNG-CIG, domina unha organización constituída polos seus militantes e os “outros”, os compañeiros de viaxe, aos que lles toca ir “de paquete” na moto que pilota a U.
Se as teorías que tentan explicar a orixe das doenzas nas persoas como produto dun desequilibrio interno poden ser certas, mais certas deben ser aínda para unha organización que nestes momentos está a padecer unha enfermidade que semella mortal.
A próxima asemblea que axiña terá lugar determinará se a doenza realmente pode ter cura.
Velaí a resurrección da música e da lírica medieval galega, a lingua galega que era cantada en situación de normalidade é traída á tona por un histórico grupo da nosa música, DOA. O grupo anda estes días a presentar, nas principais cidades galegas, o seu novo disco:A fronda dos cervos, un magnífico traballo que ha de interesar e gostar, sen dúbida, a todas e todos aqueles e aquelas que gostan da boa música. DOA transpórtanos á Idade Media galega e, a través da magnífica voz da soprano Susana de Lourenzo, gozamos das letras das cantigas de Pero Meogo, ouvimos o mar de Vigo de Martín Códax, o canto de Meendinho á Illa de San Simón, o escarnio de Airas Nunes... e todo cuns arranxos musicais magníficos- interpretación libre das Cantigas de Alfonso X- frescos e contemporáneos. O libreto contén, para alén, un estudo crítico-literario das cantigas galego-portuguesas realizado polo profesor Federico Pérez e unha fermosa introdución da poeta Eva Veiga.
José Soeiro, deputado novo do Bloco de esquerda na Asemblea da República portuguesa, intervén sobre o combate á precariedade, referíndose aos estaxios non remunerados, ás empresas de traballo temporario e ás propostas do Bloco nesta materia.
Compartimos a idea que o Breixo Hardinguey ten á hora de considerar as Cantigas de Santa María como os antecedentes da Banda Deseñada moderna. Ademais é esa obra unha proba palpábel da vitalidade e normalización dunha lingua como a galega que, na altura en que o rei Afonso escribiu ou mandou escribir, era unha lingua de poder e prestixio. Poder,con certeza, establecido ao longo dunha tradición política de reino propio e casta nobiliar galega que falaba galego.
Velaí na imaxe esta xoíña tirada da cantiga número 74,que brillante e finamente repara na falta de sentido de humor de Satanás, ao narrar na nosa lingua "como Santa Maria guareceu o pintor que o demo quisera matar porque o pintava feo"(sic).
Iso que a cantiga di que lle pasou ao demo co pintor, é o mesmiño que lle pasou a Gloria Lago (Galicia B.) cos equipos de normalización lingüística. Como vedes, temática actual.
Para alén, e isto é a nova, desde uns meses atrás podemos ollar no museo de Pontevedra unha nova xoia do século catorce que tamén pode ser considerada como outro antecedente da banda deseñada actual, esta vez é do século XIV (recomendábel a visita). Trátase da "Táboa de Belvís", unha mostra valiosísima de pintura medieval que se daba por perdida desde que desapareceu do convento de Belvís en Compostela a comezos do século XX. O que tamén é moi interesante é que a pintura apareza soportada por unhas lendas ou pés explicativos, escritos no galego daquela época, que a xeito de banda deseñada nos explican a imaxe que vemos. Trátase da narración dos feitos relativos a "San Acacio e os cen mil mártires do monte Ararat", título da táboa. Aí o tedes, pintura (hoxe sería audiovisual ou BD), narración en lingua galega dunha temática universal, outra mostra de normalidade da nosa lingua na época anterior á "Doma y castración del Reyno de Gallicia". Un feito artístico en normalidade que hoxe tería como equivalencia o podermos ver no cine un filme de Holywood en galego. Acontece iso? É iso normal arestora? Como vedes, non sempre foron as cousas como son hoxe. Tanto é así que o rótulo explicativo no Museo de Pontevedra desa táboa, pintada/escrita en galego, aparece escrito en castelán e mesmo lle traduciron o título ao español. Teremos remedio? Prefiro non responder.
Eis a imaxe da táboa:
Outras informacións para quen goste do galego antigo:
Non sobre pintura, mais si sobre a normalidade do galego medieval, ten o Carlos Callón uns interesantes artigos no seu blog:
Artigo publicado en español por Vicenç Navarro na revista SISTEMA DIGITAL o día 14 de xaneiro de 2011 e traducido ao galego por Airas.
Este artigo mostra os erros que aparecen na sabedoría convencional liberal que asume a inviabilidade do sistema público de pensións resultado da transición demográfica. O artigo pon en evidencia tales erros nun editorial de hai poucos días de LA VANGUARDIA no que era subliñada a imperiosa necesidade de adiar a idade de xubilación aos 67 anos baseándose nunha serie de supostos que o artigo mostra que son errados e interesados.
LA VANGUARDIA publicou o pasado domingo (09.01.11) un editorial titulado “La inevitable reforma de las pensiones”, que reflicte a sabedoría convencional neoliberal sobre as pensións amplamente promulgada e reproducida nos medios de información e persuasión do país, que ben puidera ser publicado en calquera dos cinco rotativos máis importantes do Estado Español.
O editorial subliña que existe un consenso xeneralizado entre os expertos de que a baixada da natalidade e mais o medre da esperanza de vida fan insostíbel o sistema de pensións públicas, a non ser que se incrementar a idade obrigatoria da xubilación. O editorial engade que arestora hai 17.6 millóns de afiliados á Seguranza Social (isto é, persoas que cotizan á Seguranza Social) e 8.4 millóns de pensionistas, resultando nunha ratio de aproximadamente 2 cotizantes por pensionista. Dentro de corenta anos –indica o editorial de LA VANGUARDIA-, os expertos indican que o número de pensionistas dobrará, e el terá como resultado que haberá só un cotizante por pensionista, o que sería insostíbel. Con estes datos e argumentos, o editorial insinúa, previsibelmente, que a teimosía dos sindicatos e a súa incapacidade de entender estes datos está a proxectar unha actitude irresponsábel na súa resistencia a incrementar obrigatoriamente a idade de xubilación.
Até aquí o editorial. Pagaría a pena analizar os supostos que sosteñen a postura do editorial, e ver quen é irresponsábel, se os sindicatos ou aqueles que asinan este editorial de La Vanguardia, que reflicte a sabedoría convencional. Vexamos os datos.
En primeiro lugar, non é certo que haxa consenso entre os expertos sobre a necesidade de incrementar obrigatoriamente a idade de xubilación. É certo que hai consenso entre os expertos cos cales conta LA VANGUARDIA e outros dos maiores medios de información e persuasión. Inclúen, por exemplo, ao Sr. José A. Herce e aos seus colegas, de Fedea (a Fundación de Estudos Económicos financiada pola gran Banca e as grandes empresas de Estado), os cales teñen escasa credibilidade, tanto nas súas estimacións como nas súas proxeccións sobre o futuro das pensións.
O Sr. Herce estivera a predicir o “colapso” da Seguranza Social desde hai xa moitos anos. Así, en 1995, o Sr. Herce chegara a prognosticar que o sistema de pensións público tería no ano 2000 un déficit de nada menos ca un 0,62% do PIB. Chegou o 2000, e tal sistema non só non tiña ningún déficit, mais estaba en superávit. Iso non foi obstáculo para que o suposto experto profetizara máis tarde que o déficit viría en 2005. O 2005 chegou, e o sistema continuaba en superávit. Unhas estimacións igualmente erróneas foron feitas por outros pretendidos expertos, como Piñera e Weinstein (os que indicaran que o colapso do sistema de pensións sería no 2000, e máis tarde, ao non se dar o colapso naquel ano, retrasárono ao 2005), Barea (outro catastrofista que tamén sinalou o 2000, e máis tarde o 2005 como o ano do colapso), Taguas e Sáez, e máis outros. (Para un estudo máis pormenorizado das predicións de colapso falladas, ver Vicenç Navarro, Juan Torres e Alberto Garzón, “Están en perigo as pensións públicas? as preguntas que todos nos facemos, as respostas que sempre nos ocultan”, Attac 2010, pp 30-37). Ora ben, entre os expertos que coñecen o tema non hai tal consenso. Na verdade, hai máis expertos que cuestionan as teses de insostibilidade das pensións públicas ca expertos que a sosteñan. O que acontece é que os primeiros raramente aparecen nos medios de orientación neoliberal, o que explica que os expertos que cuestionan tal inviabilidade sexan excluídos.
Vexamos agora o segundo erro do editorial de LA VANGUARDIA, o de que en corenta anos teremos un cotizante por pensionista. Para chegar a este ratio é feita unha serie de supostos altamente cuestionábeis. Dise, por exemplo, que o número de pensionistas actual dobrará, mais asúmese que o número de cotizantes continuará igual, o cal é absurdo. Agora, a porcentaxe da poboación adulta que traballa e cotiza é só do 59,8% (2009) da poboación, e iso como resultado do baixa porcentaxe de mulleres no mercado de traballo (un dos máis baixos da UE-15). É impensábel que esta porcentaxe non aumente, pois é máis que probábel que a porcentaxe de mulleres no mercado de traballo irá semellándose máis e máis á porcentaxe existente no promedio da UE-15 e con iso, a porcentaxe da poboación adulta que traballa e cotiza na Seguranza Social chegue a ser un 70 o un 75%. Iso non quere dicir que o número de cotizantes por pensionista veña a ser moito maior do que o editorial e os seus expertos vaticinan.
En realidade, os famosos “expertos” xa predixeran en 1995 déficits no sistema de pensións públicas na primeira década do século presente ao subestimar o crecemento dos cotizantes. Predixeron que habería en 2010 14.4 millóns de afiliados (cotizantes á Seguranza Social) e 8.7 millóns de pensionistas. En realidade o número de pensionistas foi xa en 2007 de 8.4 millóns (un número moi próximo ao que estimaran que podería existir en 2010), mais o número de afiliados foi de 17.6 millóns, moito maior do estimado polos catastrofistas. Como consecuencia, a taxa pasou de ser 2.05 afiliados por pensionista en 1995 a 2.55 en 2010, e iso resultado da entrada da muller e da inmigración ao mercado de traballo.
Mais, para alén do medre do número de cotizantes (que La Vanguardia ignora para poder chegar á súa tese de insostibilidade) hai que considerar tamén o aumento das cotizacións (en caso de que se continúe a financiar as pensións con sistemas de reparto) ou dos impostos, como produto do incremento dos salarios, resultado do incremento da produtividade, dato tamén ignorado pola sabedoría liberal convencional reflectida naquel editorial. En realidade, a riqueza (PIB) do país depende do número de traballadores e da súa produtividade. O feito de que os dous aumentaran explica que o PIB estivera a medrar no Estado Español (agás nestes últimos anos da Gran Recesión).
Pois ben, o aumento da produtividade implica que un traballador produce cada vez máis, e que pode soster a máis pensionistas do que agora. Se sumamos, daquela, o incremento do número de cotizantes ao incremento da capacidade de cada cotizante para poder soster a un pensionista, é claro que as cifras do editorial da VANGUARDIA son insuficientes para chegar á conclusión á que o editorial chega, e temos evidencia diso, se ollamos para o que estivo a ocorrer nos últimos 15 anos. En 1995, as Secretaría Xeral da Seguranza Social distribuíu un Estudo Económico titulado “a Seguranza Social no limiar do século XXI”. Neste estudo facíanse as seguintes proxeccións. Calculábase que no ano 2009 habería 3.876.177 pensionistas, e no 2030, 5.133.383. No 2009, en lugar do proxectado 3.876.177 pensionistas, houbo 5.182.747, cifra maior que as que se calcularan en 1997 para o 2030. Imaxínese o ruído mediático se se proxectasen as cifras que ao final resultaron ser as válidas. Seguro que os “expertos” de LA VANGUARDIA habían de asumir que a Sefo, o PIB aumentou tamén considerabelmente, de xeito que se en 1995 o Estado Español gastaba o 8.3% do PIB en pensións (e as cotizacións atinxían o 9.4% do PIB), no 2008 o PIB subira moito máis, de maneira que cubrir aquel número moito maior significou na realidade unha porcentaxe incluso menor do PIB, un 7.8%, mentres que as cotizacións subiron un 9.6%. A Seguranza Social non só non colapsara, senón que estaba en superávit.
Baseados nestes datos podemos ver o errado de predicir o futuro en ton catastrofista. Se o incremento da produtividade fose dun 2% por ano (as cifras que o novo Ministro de Traballo, Valeriano Gómez, utilizou na súa entrevista a EL PAÍS, 12.12.10), resultaría que o PIB dentro de corenta anos sería 2.2 veces maior do que agora. Se a iso se suma o incremento da poboación, resulta que esta porcentaxe pode ser inclusivamente maior. Cal é, entón, o problema? O Sr. Valeriano Gómez, por mencionar iso, errou novamente cando sinalou que incluso no caso de a produtividade aumentar un 2%, o Estado Español non podería soster un 15% do PIB en pensións no ano 2050. Isto non é certo e é doado de demostrar que o Ministro está equivocado. Eleve o crecemento do 2% a 40 anos e verá que en 2050 o PIB sería 2.2 veces maior ca o actual. Iso quere dicir que se arestora o PIB é 100 (cun 8 a pensións, e 92 a “non pensionistas”), en 2050 o PIB sería 220, co cal un 15% (33) sería para pensionistas e 187 para os “non pensionistas”. Tanto os pensionistas coma os “non pensionistas” terían moitos máis recursos ca agora. O feito de que no ano 2050 o 15% for para pensións, non quere dicir que os “non pensionistas” tiveren menos recursos. Habería máis do que agora. O Sr. Rubalcaba dicía que non lle daban os números ao goberno. Se ao goberno non lle saen os números, sería aconsellábel que mellorase as súas calculadoras.
Para alén deste artigo de Vicenç Navarro recoméndase este video elaborado pola FESGA sobre o engano que o aparello mediático está a tratar de espallar masivamente. Moi clariño e moi ben explicado por Silvia Bermúdez:
A escena, que representa a celebración etílica e festeira en lembranza do santo de Tours, é unha imaxe que o xenio do pintor tirou do Flandres do século dezaseis, mais ben podería ser unha das moitas festas galegas,que da man do magosto, fican espalladas polo país adiante, pois é raro o concello galego onde non hai polo menos unha parroquia que teña coma patrón ao San Martiño.
Seica esta devoción ao santo de Tours (que sen ser seguidor fora defensor de Prisciliano) puido ter orixe no culto extendido na nosa terra polo outro Martiño, o de Dumio. Mais o certo, é que a celebración desta festa está tamén moi extendida alén Pirineos, na Europa católica, da Padania á Baviera, da Bretaña á Savoia e noutrora, antes de seren protestantes, da Renania ás chairas holandesas.
Ora ben, onde ao que escribe estas liñas lle interesaba chegar é á fiestra que os cadros dos Brueghel,Vello e Novo, nos abren para ver un retallo do noso pasado e de nós propios.
Nas estampas que os Brueghel nos deixaron, aparecen feiras, romarías, seituras, gaitas, celebracións con viño, matanzas do porco. Visións que ben poderiamos asumir coma propias do mundo rural galego, identificadas con aquilo que desde o Rexurdimento decimonónico para acó o galeguismo cultural reverenciou como esencia da idiosincrasia nacional galega que os labregos souberan preservar.
Non deberiamos esquecer que a revolución industrial fixo desaparecer esas imaxes no Flandres da pintura e en moitas outras desas terras do norte mais que no caso de Galiza, o atraso secular e a industrialización serodia e incompleta permitiron que aínda as xeracións novas deste país puideran ver cos seus propios ollos ese mundo labrego e europeo esmorecendo en proceso de agonía.
Dito o anterior, deberiamos lembrar tamén que o europeísmo dos homes da xeración Nós (nomeadamente para Outeiro Pedrallo) se fundamentaba en grande parte na consciencia de que esa identidade galega e labrega nacía daquela altura na que Galiza, durante a Idade Media, facía parte de Europa e mesmo era un dos seus centros de cultura e peregrinaxe. Para eles, esa Galiza europea e medieval que o mundo rural galego conservara era a antítese do mudexarismo español, quere dicir, o oposto e contrario da España Medieval baixo poder musulmano, da Spania desvinculada da cultura europea e unida ao mundo árabe. Pasado que condicionaba o presente de Eles fronte a Nós.
Eis algunhas das pinturas dos Peter Brueghel (O Novo e o Vello):