Ninguén pode ocultar que o BNG foi no seu día, en maior ou menor medida, unha creación da UPG. Por moito que se diga e se tente louvar a asemblea de Riazor coma un exemplo de pluralidade ou como unha confluencia plural de partidos, correntes e sensibilidades, antecesora de modernas fórmulas de democracia participativa, foi a UPG a que hexemonizou aquela organización primixenia, e os demais non puideron deixar de sersimples grupúsculos pouco representativos. O resto do nacionalismo...fóra, principalmente aquela EG ou PSG-EG do Camilo.
O que acontece é que para lle dar credibilidade á estratexia, a UPG apostou estratexicamente por colocar á frente como cabeza visíbel a unha persoa que nunca militara na U, un “cristo procesional” que viñese da outra liña histórica do nacionalismo, do PSG, o Beiras.
O discurso, a táctica, as formas desenvolvidas polo Beiras funcionaban, a súa imaxe e formas eran determinantes e o bloque medraba. Primeiro deu conseguido que o BNG chegase a hexemonizar o nacionalismo (desprazando ao PSG-EG) e á vez ia facéndose máis plural, tornándose na súa composición social en algo máis ca unha procesión de seguidores da UPG e integraba novas xentes atraídas pola imaxe dun novo nacionalismo máis aberto e plural.
Con todo, ese medre continuou a ser aproveitado pola UPG , que deixaba facer e desfacer ao Beiras cara a fóra mais continuaba a reservar para si o reforzamento e control do aparello interno do BNG, asentando asemade unha burocracia da súa corda. Porén, o corpo orgánico e político mantíñase san, pois a hexemonia orgánica e burocrática da UPG era equilibrada polo poder, capacidade de manobra e liberdade cos que exercía o Beiras de cara á sociedade e aos medios, sempre apoiado nuns resultados electorais espectaculares que reforzaban o seu liderado, incuestionábel naquela altura. Existía pois, nos anos noventa, un equilibrio de “poderes” Beiras-UPG.
Mais aquel equilibrio rachou de vez cando a UPG se atreve a tentar desprazar ao Beiras do liderado orgánico a partir do 2001 aproveitando que o vento electoral sopraba xa menos forte.
Estaría o Quintana a piques de restaurar un certo equilibrio a base de acumulación de poder institucional conseguido coa chegada á xunta, mais as súas erráticas ou mesmo suicidas estratexias e tácticas política conduciron o barco ás pedras coa conseguinte e se cadra merecida decapitación política. O equilibrio estaba máis roto aínda, e iso a pesar de que o BNG era agora, canto á militancia máis plural e diverso ca nunca.
Para alén, na XII asemblea nacional, a UPG non tería inconveniente en chegar até o final co seu propio candidato, co seu home de palla temporario. Agora xa non había dúbidas, todo era deles, a organización e o liderado externo, o contol interno e a proxección mediática. Unha metade, “a maioría cualificada” dirixida pola U impúñase pola mínima ao resto...
Nunca estaría tan clara a contradición entre un “modelo formal” que destaca a pluralidade aparente dunha frente que se compón de partidos, colectivos diversos e independentes en pé de igualdade e o “modelo informal” realmente existente no que un partido, o “partido guía”, o que se apoia no monopolio da burocracia interna dentro do binomio BNG-CIG, domina unha organización constituída polos seus militantes e os “outros”, os compañeiros de viaxe, aos que lles toca ir “de paquete” na moto que pilota a U.
Se as teorías que tentan explicar a orixe das doenzas nas persoas como produto dun desequilibrio interno poden ser certas, mais certas deben ser aínda para unha organización que nestes momentos está a padecer unha enfermidade que semella mortal.
A próxima asemblea que axiña terá lugar determinará se a doenza realmente pode ter cura.