November 13, 2010

DA EUROPA CAMPESIÑA



DA EUROPA CAMPESIÑA

En Compostela pode un vento duro
estremecer o corazón da Europa campesiña
que todos temos dentro sen dicilo.”

Con Póvora e Magnólias. X.L. Méndez Ferrín.


Non hai moito, en setembro deste 2010, no museo español de El Prado identificaron unha obra descoñecida do pintor flamengo Peter Brueghel O Vello (1525 -1569) titulada “O viño na festa do San Martiño”: http://www.hoyesarte.com/index.php?option=com_content&view=article&id=5296:el-prado-identifica-una-obra-desconocida-de-bruegel-el-viejo&catid=104:museos&Itemid=397.
A escena, que representa a celebración etílica e festeira en lembranza do santo de Tours, é unha imaxe que o xenio do pintor tirou do Flandres do século dezaseis, mais ben podería ser unha das moitas festas galegas,que da man do magosto, fican espalladas polo país adiante, pois é raro o concello galego onde non hai polo menos unha parroquia que teña coma patrón ao San Martiño.
Seica esta devoción ao santo de Tours (que sen ser seguidor fora defensor de Prisciliano) puido ter orixe no culto extendido na nosa terra polo outro Martiño, o de Dumio. Mais o certo, é que a celebración desta festa está tamén moi extendida alén Pirineos, na Europa católica, da Padania á Baviera, da Bretaña á Savoia e noutrora, antes de seren protestantes, da Renania ás chairas holandesas.
Ora ben, onde ao que escribe estas liñas lle interesaba chegar é á fiestra que os cadros dos Brueghel,Vello e Novo, nos abren para ver un retallo do noso pasado e de nós propios.
Nas estampas que os Brueghel nos deixaron, aparecen feiras, romarías, seituras, gaitas, celebracións con viño, matanzas do porco. Visións que ben poderiamos asumir coma propias do mundo rural galego, identificadas con aquilo que desde o Rexurdimento decimonónico para acó o galeguismo cultural  reverenciou como esencia da idiosincrasia nacional galega que os labregos souberan preservar.
Non deberiamos esquecer que a revolución industrial fixo desaparecer esas imaxes no Flandres da pintura e en moitas outras desas terras do norte mais que no caso de Galiza, o atraso secular e a industrialización serodia e incompleta permitiron que aínda as xeracións novas deste país puideran ver cos seus propios ollos ese mundo labrego e europeo esmorecendo en proceso de agonía.
Dito o anterior, deberiamos lembrar tamén que o europeísmo dos homes da xeración Nós (nomeadamente para Outeiro Pedrallo) se fundamentaba en grande parte na consciencia de que esa identidade galega e labrega nacía daquela altura na que Galiza, durante a Idade Media, facía parte de Europa e mesmo era un dos seus centros de cultura e peregrinaxe. Para eles, esa Galiza europea e medieval que o mundo rural galego conservara era a antítese do mudexarismo español, quere dicir, o oposto e contrario da España Medieval baixo poder musulmano, da Spania desvinculada da cultura europea e unida ao mundo árabe. Pasado que condicionaba o presente de Eles fronte a Nós.

Eis algunhas das pinturas dos Peter Brueghel (O Novo e o Vello):

        
         Ligazóns:

No comments:

Post a Comment