January 16, 2011

Máis sobre a gran mentira da reforma das pensións no Estado Español.

Artigo publicado en español por Vicenç Navarro na revista SISTEMA DIGITAL o día 14 de xaneiro de 2011 e traducido ao galego por Airas.
Este artigo mostra os erros que aparecen na sabedoría convencional liberal que asume a inviabilidade do sistema público de pensións resultado da transición demográfica. O artigo pon en evidencia tales erros nun editorial de hai poucos días de LA VANGUARDIA no que era subliñada a imperiosa necesidade de adiar a idade de xubilación aos 67 anos baseándose nunha serie de supostos que o artigo mostra que son errados e interesados.

LA VANGUARDIA publicou o pasado domingo (09.01.11) un editorial titulado “La inevitable reforma de las pensiones”, que reflicte a sabedoría convencional neoliberal sobre as pensións amplamente promulgada e reproducida nos medios de información e persuasión do país, que ben puidera ser publicado en calquera dos cinco rotativos máis importantes do Estado Español.
O editorial subliña que existe un consenso xeneralizado entre os expertos de que a baixada da natalidade e mais o medre da esperanza de vida fan insostíbel o sistema de pensións públicas, a non ser que se incrementar a idade obrigatoria da xubilación. O editorial engade que arestora hai 17.6 millóns de afiliados á Seguranza Social (isto é, persoas que cotizan á Seguranza Social) e 8.4 millóns de pensionistas, resultando nunha ratio de aproximadamente 2 cotizantes por pensionista. Dentro de corenta anos –indica o editorial de LA VANGUARDIA-, os expertos indican que o número de pensionistas dobrará, e el terá como resultado que haberá só un cotizante por pensionista, o que sería insostíbel. Con estes datos e argumentos, o editorial insinúa, previsibelmente, que a teimosía dos sindicatos e a súa incapacidade de entender estes datos está a proxectar unha actitude irresponsábel na súa resistencia a incrementar obrigatoriamente a idade de xubilación.
Até aquí o editorial. Pagaría a pena analizar os supostos que sosteñen a postura do editorial, e ver quen é irresponsábel, se os sindicatos ou aqueles que asinan este editorial de La Vanguardia, que reflicte a sabedoría convencional. Vexamos os datos.
En primeiro lugar, non é certo que haxa consenso entre os expertos sobre a necesidade de incrementar obrigatoriamente a idade de xubilación. É certo que hai consenso entre os expertos cos cales conta LA VANGUARDIA e outros dos maiores medios de información e persuasión. Inclúen, por exemplo, ao Sr. José A. Herce e aos seus colegas, de Fedea (a Fundación de Estudos Económicos financiada pola gran Banca e as grandes empresas de Estado), os cales teñen escasa credibilidade, tanto nas súas estimacións como nas súas proxeccións sobre o futuro das pensións.
O Sr. Herce estivera a predicir o “colapso” da Seguranza Social desde hai xa moitos anos. Así, en 1995, o Sr. Herce chegara a prognosticar que o sistema de pensións público tería no ano 2000 un déficit de nada menos ca un 0,62% do PIB. Chegou o 2000, e tal sistema non só non tiña ningún déficit, mais estaba en superávit. Iso non foi obstáculo para que o suposto experto profetizara máis tarde que o déficit viría en 2005. O 2005 chegou, e o sistema continuaba en superávit. Unhas estimacións igualmente erróneas foron feitas por outros pretendidos expertos, como Piñera e Weinstein (os que indicaran que o colapso do sistema de pensións sería no 2000, e máis tarde, ao non se dar o colapso naquel ano, retrasárono ao 2005), Barea (outro catastrofista que tamén sinalou o 2000, e máis tarde o 2005 como o ano do colapso), Taguas e Sáez, e máis outros. (Para un estudo máis pormenorizado das predicións de colapso falladas, ver Vicenç Navarro, Juan Torres e Alberto Garzón, “Están en perigo as pensións públicas? as preguntas que todos nos facemos, as respostas que sempre nos ocultan”, Attac 2010, pp 30-37). Ora ben, entre os expertos que coñecen o tema non hai tal consenso. Na verdade, hai máis expertos que cuestionan as teses de insostibilidade das pensións públicas ca expertos que a sosteñan. O que acontece é que os primeiros raramente aparecen nos medios de orientación neoliberal, o que explica que os expertos que cuestionan tal inviabilidade sexan excluídos.
Vexamos agora o segundo erro do editorial de LA VANGUARDIA, o de que en corenta anos teremos un cotizante por pensionista. Para chegar a este ratio é feita unha serie de supostos altamente cuestionábeis. Dise, por exemplo, que o número de pensionistas actual dobrará, mais asúmese que o número de cotizantes continuará igual, o cal é absurdo. Agora, a porcentaxe da poboación adulta que traballa e cotiza é só do 59,8% (2009) da poboación, e iso como resultado do baixa porcentaxe de mulleres no mercado de traballo (un dos máis baixos da UE-15). É impensábel que esta porcentaxe non aumente, pois é máis que probábel que a porcentaxe de mulleres no mercado de traballo irá semellándose máis e máis á porcentaxe existente no promedio da UE-15 e con iso, a porcentaxe da poboación adulta que traballa e cotiza na Seguranza Social chegue a ser un 70 o un 75%. Iso non quere dicir que o número de cotizantes por pensionista veña a ser moito maior do que o editorial e os seus expertos vaticinan.
En realidade, os famosos “expertos” xa predixeran en 1995 déficits no sistema de pensións públicas na primeira década do século presente ao subestimar o crecemento dos cotizantes. Predixeron que habería en 2010 14.4 millóns de afiliados (cotizantes á Seguranza Social) e 8.7 millóns de pensionistas. En realidade o número de pensionistas foi xa en 2007 de 8.4 millóns (un número moi próximo ao que estimaran que podería existir en 2010), mais o número de afiliados foi de 17.6 millóns, moito maior do estimado polos catastrofistas. Como consecuencia, a taxa pasou de ser 2.05 afiliados por pensionista en 1995 a 2.55 en 2010, e iso resultado da entrada da muller e da inmigración ao mercado de traballo.
Mais, para alén do medre do número de cotizantes (que La Vanguardia ignora para poder chegar á súa tese de insostibilidade) hai que considerar tamén o aumento das cotizacións (en caso de que se continúe a financiar as pensións con sistemas de reparto) ou dos impostos, como produto do incremento dos salarios, resultado do incremento da produtividade, dato tamén ignorado pola sabedoría liberal convencional reflectida naquel editorial. En realidade, a riqueza (PIB) do país depende do número de traballadores e da súa produtividade. O feito de que os dous aumentaran explica que o PIB estivera a medrar no Estado Español (agás nestes últimos anos da Gran Recesión).
Pois ben, o aumento da produtividade implica que un traballador produce cada vez máis, e que pode soster a máis pensionistas do que agora. Se sumamos, daquela, o incremento do número de cotizantes ao incremento da capacidade de cada cotizante para poder soster a un pensionista, é claro que as cifras do editorial da VANGUARDIA son insuficientes para chegar á conclusión á que o editorial chega, e temos evidencia diso, se ollamos para o que estivo a ocorrer nos últimos 15 anos. En 1995, as Secretaría Xeral da Seguranza Social distribuíu un Estudo Económico titulado “a Seguranza Social no limiar do século XXI”. Neste estudo facíanse as seguintes proxeccións. Calculábase que no ano 2009 habería 3.876.177 pensionistas, e no 2030, 5.133.383. No 2009, en lugar do proxectado 3.876.177 pensionistas, houbo 5.182.747, cifra maior que as que se calcularan en 1997 para o 2030. Imaxínese o ruído mediático se se proxectasen as cifras que ao final resultaron ser as válidas. Seguro que os “expertos” de LA VANGUARDIA habían de asumir que a Sefo, o PIB aumentou tamén considerabelmente, de xeito que se en 1995 o Estado Español gastaba o 8.3% do PIB en pensións (e as cotizacións atinxían o 9.4% do PIB), no 2008 o PIB subira moito máis, de maneira que cubrir aquel número moito maior significou na realidade unha porcentaxe incluso menor do PIB, un 7.8%, mentres que as cotizacións subiron un 9.6%. A Seguranza Social non só non colapsara, senón que estaba en superávit.
Baseados nestes datos podemos ver o errado de predicir o futuro en ton catastrofista. Se o incremento da produtividade fose dun 2% por ano (as cifras que o novo Ministro de Traballo, Valeriano Gómez, utilizou na súa entrevista a EL PAÍS, 12.12.10), resultaría que o PIB dentro de corenta anos sería 2.2 veces maior do que agora. Se a iso se suma o incremento da poboación, resulta que esta porcentaxe pode ser inclusivamente maior. Cal é, entón, o problema? O Sr. Valeriano Gómez, por mencionar iso, errou novamente cando sinalou que incluso no caso de a produtividade aumentar un 2%, o Estado Español non podería soster un 15% do PIB en pensións no ano 2050. Isto non é certo e é doado de demostrar que o Ministro está equivocado. Eleve o crecemento do 2% a 40 anos e verá que en 2050 o PIB sería 2.2 veces maior ca o actual. Iso quere dicir que se arestora o PIB é 100 (cun 8 a pensións, e 92 a “non pensionistas”), en 2050 o PIB sería 220, co cal un 15% (33) sería para pensionistas e 187 para os “non pensionistas”. Tanto os pensionistas coma os “non pensionistas” terían moitos máis recursos ca agora. O feito de que no ano 2050 o 15% for para pensións, non quere dicir que os “non pensionistas” tiveren menos recursos. Habería máis do que agora. O Sr. Rubalcaba dicía que non lle daban os números ao goberno. Se ao goberno non lle saen os números, sería aconsellábel que mellorase as súas calculadoras.

Para alén deste artigo de Vicenç Navarro recoméndase este video elaborado pola FESGA sobre o engano que o aparello mediático está a tratar de espallar masivamente. Moi clariño e moi ben explicado por Silvia Bermúdez:









No comments:

Post a Comment